26.04.05

pasando páxina

xa deixei atrás París, unha nova parada no meu camiño. Tiven tempo de facer un pouco de turismo tranquilo con paseos ao longo do Sena, cruzando as súas pontes, observando a súa vida.
A estancia noutros países traeme sempre intuicións doutras vidas posibles e sinto o privilexio de vivilas aínda que sexa de xeito fugaz. Por iso ás veces causa tristura abandoar o escenario dunha destas vidas temporais ás que un xa comezaba a acostumarse.
Gostaríame ter chegado máis veces do traballo cunha bola de pan fresco e un ramo de tulipáns laranxas…


lanzado por porquiño | 06:49 | son todo oidos [16] |

19.04.05

20 m2

estes son os meus 20 m2 parisinos.

dende hai xa tempo cando teño que traballar por aí fora prefiro non ter que vivir nos hoteis estándares do mundo e procuro o xeito de atopar aloxamento nun apartamento de aluguer curto. Cando estiven traballando en Londres andiven por varios pisos até dar cun no Notting Hill no que fiquei preto dun ano.
Todos estes pisos son semellantes: espazo reducido pero ben aproveitado; guías de viaxe locais e libros de enésima man; alarmas contra incendios; escaso menaxe de cociña; sempre enmoquetados; paquetes por rematar de azucre, sal e café ...
Ao final convírtense en pequenos fogares e fican con anacos de vida cando facemos as maletas.


lanzado por porquiño | 09:15 | son todo oidos [9] |

9.03.04

a patria do pasado

Esta fin de semana estiven por ferrolterra e fun visitar un lugar mítico da miña infancia: a capela da Virxe do Porto en Meirás (A Coruña). É unha diminuta capela situada nun pequemo promontorio onde o mar golpea con forza. Cando era moi pequeno levábanme ás praias cercanas e cos meus ollos de neno asombrado vía aquela capela ao lonxe como un lugar rodeado de misterio, inalcanzable, sobre todo cando a marea estaba alta pois o promontorio convertíase nun illote ao subir a auga do mar.
É agradable ver que algúns lugares do recordo seguen presentes e aínda é posible sentir neles as sensacións do pasado.
Non son moi partidario das citas pero isto que acabo de ler en historia universal de paniceiros paréceme axeitado:

(...) de repente, no sabemos cómo, entramos, peregrinos solitarios, en la tierra del exilio. Ya nada es como entonces: perdimos, tal vez por pura inconsciencia, una patria a la que no podemos volver a no ser en momentos fugacísimos de inesperada comunión, momentos en los que se restablece para nosotros solos, por medio de unas palabras o una música, la armonía del universo.


lanzado por porquiño | 14:05 | son todo oídos [7] |