9.10.08

vendima 2008


Este ano a vendima tivo a novidade de contar cunha espectadora (a ratos) que para o ano que ven seguro que xa quererá colaborar máis activamente recollendo algúns baguiños.
Polo resto non moita colleita pero chegou para encher un barril de branco e outro de tinto.


lanzado por porquiño | 15:26 | |

1.10.07

vendima 2007

Como xa se temía este ano a vendima non deu para moito. Apañamos toda a uva albariña o domingo pasado e tan só enchimos 3 caixas fronte ás 25 do ano pasado. Menos mal que Manolo o veciño deixounos coller unhas uvas treixadura que non quería para el. Ao final 3 caldeiros de mosto para o barril que darán unhas 30 botellas; se o viño sale bo vai costar unha millonada.


Esta fin de semana tocoulle ás uvas tintas. Coa ameaza do mal tempo comezamos o venres pola tarde e apañamos 3 caixas. O sábado xa tivemos chuvia todo o día e xa semellaba que o viño tinto sería tan preciado como o branco. Pero o domingo despois de xantar víanse claros esperanzadores no ceo e fomos correndo ás viñas propiedade de Manolo que, coa súa filantropía habitual, cedeunos parte das uvas de folla redonda que alí estaban ao refuxio da chuvia.
Nestes intres están a fermentar na cuba as 17 caixas de uva tinta.


lanzado por porquiño | 10:25 | son todo oidos [4] |

19.02.07

algas e tostado en girona

esta fin de semana visitamos o forum gastronomic de girona do que podería contar varias cousas e non todas boas. Pero como supoño que xa o farán noutro sitio voume quedar co que me pareceu máis destacable.
Onte houbo unha presentación da cociña con algas a cargo do home de porto muiños e para preparar varios pratos de degustación estaban alí Tino Otero (do restaurante do mesmo nome na Coruña) e un rapaz da escola Lamas de Abade de Santiago.




Croquetas con fariña de algas, empanada de bacallao con kombu de azúcar (algas doces), arroz con zamburiñas e espagueti de mar, figado de rape con nori e unha crema de chocolate branco aromatizado con leituga de mar. Todo en verdade moi rico feito con algas das nosas rías. E penso que en xeral gustou ao público.
Unha iniciativa que merece máis atención pola alternativa que ofrece e para o meu gusto máis interesante que os rebumbios que alí mesmo montou o señor Ferrán Adriá.

Aproveitando a presentación e para propoñer un maridaxe coas algas estaba un home da Vitivinícola do Ribeiro presentando os seus viños brancos do Ribeiro; para o postre escolleron o novo Tostado de Costeira que tenta recuperar unha tradición da zona.




Tiña curiosidade por probar este viño (que non é doce senón naturalmente doce ou doce natural) e non defraudou as expectativas. Un viño riquísimo e distinto feito con uva treixadura madurada uns meses en bodega despois da vendima.
O único da súa clase no país e outra interesante alternativa que pode ter éxito no futuro.


lanzado por porquiño | 16:53 | |

29.11.06

novos viños

esta fin de semana asistín ao Salón dos Viños e Augardentes de Galicia na Coruña.
Despois de catar varios viños polos postos quédome con estes dous:


  • O tinto Verdes Matas da Ribeira Sacra. Son das primeiras botellas da adega Pena das Donas e trátase dun viño de uva mencía cun sabor forte (mineral din os entendidos) pero agradable.

  • O branco Lorenzo Bescansa da Terra de Betanzos. Hai unha iniciativa de varios adegueiros por recuperar os viños da zona e non ten nada que ver coa idea que se ten destes viños como peleóns.

É interesante comprobar que se están a facer novos viños da terra e xurden novas adegas máis artesanais.

Outra visión do evento en Capítulo 0


lanzado por porquiño | 13:21 | |

6.10.06

vendima 2006


esta é a terceira vendima que facemos e xa é todo un costume na casa. Tivemos sorte co tempo porque días despois de rematar chegou o mal tempo, Gordon incluido.
Este ano houbo algunhas novidades.
Por primeira vez axudaron na colleita os nosos sobriños e penso que repetirán o ano que ven.

Outra novidade foi poñer a proba uns barriles de cervexa que se están a vender na zona para almacenar o albariño, pois tivemos excedente de uvas grazas á “colleita histórica” deste ano.

Veremos como resulta o viño desta volta… aínda que sempre hai que dicir que é millor que o do veciño.


lanzado por porquiño | 07:46 | son todo oidos [12] |

27.04.06

viticultura




xa as parras están cheas de follas novas e semellan medrar un centímetro por día. Axiña chegará o momento de Sulfateitor Man.
Este ano plantamos unhas poucas cepas de Mencía para variar un pouco. Demasiado albariño na zona.



lanzado por porquiño | 14:02 | son todo oidos [8] |

7.10.05

vendima 2005

aquí teñen algunhas imaxes da vendima deste ano. A nosa colleita foi menos cuantiosa que a do ano pasado pero a uva estaba en mellores condicións.


Conseguimos encher un barril de blanco, outro de rosado (chamámoslle así a unha mezcla de uva blanca e catalana), un de tinto tipo Barrantes e un inclasificable co mosto que nos quedou de varias uvas que fermentamos para obter o bagazo. En total 32 arrobas de viño (1 arroba = 15 litros aproximadamente).

Este ano un veciño contounos que o mellor método para evitar que o mosto no barril bote escuma por fora é poñer tubos de goma dende o barril para o escape dos gases da fermentación. A adega semellaba un experimento do Quimicefa.

Todo o pobo estivo revolucionado estes días. Ao final corrían ríos de viño polos camiños.


lanzado por porquiño | 02:25 | son todo oidos [18] |

21.12.04

viño porquiño


Chegou o esperado momento de probar o noso viño. As xeadas das últimas semanas viñeron de marabilla para clarexar o viño e xa comezamos a bebelo. O que mellor sabe é o branco feito na súa maioría con uva albariña; o tinto tipo Barrantes resultou un pouco forte, bravo como di o veciño.
A ver se non se bota a perder cando cheguen os calores xa que non lle engadimos “sulfuroso” nen nada semellante como é práctica bastante habitual pola zona.


lanzado por porquiño | 09:49 | son todo oidos [18] |

28.09.04

vendima

esta fin de semana estivemos de vendima e os dedos cos que escribo isto aínda seguen suxos co zume das uvas. Despois de andar todo o ano primeiro podando, logo atando e sulfatando chegou o ansiado momento de recoller os pequenos froitos. Foi un pouco traballoso xa que algúns acios estaban maduros de máis e había que andar escollendo nas uvas. Agora temos dúas cubas cheas de uvas tintas e blancas (catalán, moscatel e un pouco de albariño) que están a fermentar despois de ter sido esmagadas polos pes dun servidor. As uvas fermentadas vanse poñendo quentes e por aquí contan que unha vez caeu unha galiña dentro dunha cuba e quedou cocida; tamén din que pola parte de Ourense lle botan xamóns enteiros ás cubas co fermento e acaban desfeitos pero isto non foi confirmado …
As uvas albariñas sufriron bastantes baixas este ano por mor da peste do blackrot (aínda que aquí sempre lle botan a culpa á araña roxa) pero tentaremos vender unhas caixas a unha bodega veciña a pesar de que a pagan moi mal tendo en conta os traballos que require esta uva. O resto para os nosos barrís.
Nenos e nenas, isto da vendima é moi fatigoso e penso que aínda temos até o venres. Eso sí, o viño vaise desfrutar máis que nunca.


lanzado por porquiño | 18:23 | son todo oídos [17] |

21.07.04

sulfateitorman


cando chega do traballo quita o seu traxe e a súa gravata para transformarse en… SULFATEITORMAN !! para combater os seus temibles inimigos: o mildeu, o oidio e o blackrot.
Contra o mal das viñas … SULFATEITORMAN !!


lanzado por porquiño | 12:01 | son todo oídos [15] |