26.04.05
pasando páxina
xa deixei atrás París, unha nova parada no meu camiño. Tiven tempo de facer un pouco de turismo tranquilo con paseos ao longo do Sena, cruzando as súas pontes, observando a súa vida.
A estancia noutros países traeme sempre intuicións doutras vidas posibles e sinto o privilexio de vivilas aínda que sexa de xeito fugaz. Por iso ás veces causa tristura abandoar o escenario dunha destas vidas temporais ás que un xa comezaba a acostumarse.
Gostaríame ter chegado máis veces do traballo cunha bola de pan fresco e un ramo de tulipáns laranxas…
19.04.05
20 m2
estes son os meus 20 m2 parisinos.

dende hai xa tempo cando teño que traballar por aí fora prefiro non ter que vivir nos hoteis estándares do mundo e procuro o xeito de atopar aloxamento nun apartamento de aluguer curto. Cando estiven traballando en Londres andiven por varios pisos até dar cun no Notting Hill no que fiquei preto dun ano.
Todos estes pisos son semellantes: espazo reducido pero ben aproveitado; guías de viaxe locais e libros de enésima man; alarmas contra incendios; escaso menaxe de cociña; sempre enmoquetados; paquetes por rematar de azucre, sal e café ...
Ao final convírtense en pequenos fogares e fican con anacos de vida cando facemos as maletas.





