19.02.07
algas e tostado en girona
esta fin de semana visitamos o forum gastronomic de girona do que podería contar varias cousas e non todas boas. Pero como supoño que xa o farán noutro sitio voume quedar co que me pareceu máis destacable.
Onte houbo unha presentación da cociña con algas a cargo do home de porto muiños e para preparar varios pratos de degustación estaban alí Tino Otero (do restaurante do mesmo nome na Coruña) e un rapaz da escola Lamas de Abade de Santiago.

Croquetas con fariña de algas, empanada de bacallao con kombu de azúcar (algas doces), arroz con zamburiñas e espagueti de mar, figado de rape con nori e unha crema de chocolate branco aromatizado con leituga de mar. Todo en verdade moi rico feito con algas das nosas rías. E penso que en xeral gustou ao público.
Unha iniciativa que merece máis atención pola alternativa que ofrece e para o meu gusto máis interesante que os rebumbios que alí mesmo montou o señor Ferrán Adriá.
Aproveitando a presentación e para propoñer un maridaxe coas algas estaba un home da Vitivinícola do Ribeiro presentando os seus viños brancos do Ribeiro; para o postre escolleron o novo Tostado de Costeira que tenta recuperar unha tradición da zona.

Tiña curiosidade por probar este viño (que non é doce senón naturalmente doce ou doce natural) e non defraudou as expectativas. Un viño riquísimo e distinto feito con uva treixadura madurada uns meses en bodega despois da vendima.
O único da súa clase no país e outra interesante alternativa que pode ter éxito no futuro.
lanzado por porquiño |
16:53 |
|
gastronomía
viño





