2.07.04
o meu pequeno recuncho no mundo

este é o meu pequeno recuncho no mundo. Haberá 16 casas e non chega a aldea, é só un lugar. A media de idade debe de andar polos 60 anos aínda que baixou un pouco dende que nós viñemos a vivir aquí. Os nosos veciños máis cercanos están retirados pero seguen traballando comprando queixos polas aldeas de Galiza para vendelos nun posto dun mercado en Vigo; antes o señor M traballou na fábrica de Santa Clara en Arcade e despois poñendo cables telefónicos polos océanos do mundo. Tamén estiveron emigrados en Montevideo. Dende que chegamos á nosa nova casa non deixaron de ofrecernos viño do seu (que por moito que diga el sabe de marabilla), queixos, verduras, ovos e pomelos dos bos; tamén nos axudaron en moitas cousas relacionadas coas tarefas vitícolas.
Os outros veciños cercanos son de xeito totalmente oposto: aínda non convidaron a nada e só fan comentarios negativos; o señor L foi embarcado unha vez co señor M pero din que dende entón non volveu a traballar. A súa muller M é a clásica metefuciños.
Tamén está a señora J que cos seus máis de setenta anos non para en todo o día de ir co sacho no lombo a traballar nas súas leiras. Sempre nos regala repolos dos seus e unha vez fixemos pan xuntos no seu vello forno de pedra.
A señora A debe de ser a máis maior do lugar e ten un fillo traballando en Alemania; sempre vai dun lado a outro coas súas ovellas e carneiros e parece ser que bastante xente lévase mal con ela polos típicos problemas de lindes.
Os máis odiados do lugar son os propietarios dunha granxa de polos: os arredores da granxa son un verdadeiro estercoleiro, sempre están a berrar e a facer ruído e teñen unha manada de cans soltos que meten medo.
No lugar todos teñen viñas de albariño maiormente e hai verdadeira obsesión polos seus coidados; dame a impresión de que me estou contaxiando pouco a pouco.
Aquí a tele non se ve ben (só a primeira, a segunda e a galega) por problemas no sinal que ninguén quere solucionar, a recollida de lixo é unha vez á semana, tódolos días pasan os coches do pan, do peixe e das gaseosas Nieto de Poio e o ‘barateiro’ os venres comprando e vendendo roupa e menaxe. Nas eleccións só vin un cartel e era do PP.
Pero non hai nada comparable con vir de traballar da grande urbe e chegar a este meu pequeno recuncho no mundo.
— Xosé Antón 5 07 2004 - 03:05 #
— Princesa Fiona 8 07 2004 - 12:40 #






— paleón 2 07 2004 - 14:19 #